Legal
Política de privacidade
Os datos que nos das serven só para o que os pides: facerte abonado ou recibir o teu pedido. Non se venden, non se ceden a terceiros con fins comerciais e non se usan para enviarche publicidade.
01Quen trata os teus datos
| Dato | Valor |
|---|---|
| Responsable | Abóbriga Fútbol Club (Abóbriga F.C.) |
| NIF | G22647895 |
| Domicilio | Calle Ventura Misa nº 29, bajo, 36300 Baiona (Pontevedra) |
| Contacto | contacto@abobriga.com |
Non temos delegado de protección de datos: pola dimensión do club non é obrigatorio. Para calquera cuestión sobre os teus datos, escribe a contacto@abobriga.com.
02Que datos recollemos e para que
Só se recollen datos en tres sitios da web, e en ningún outro. Non se elaboran perfís comerciais nin de comportamento; o único «perfil» é o de xogo da porra, cos teus pronósticos e as súas estatísticas. A única conta de usuario é a da porra, e ábrese coa túa conta de Google.
| Formulario | Datos | Para que | Base legal |
|---|---|---|---|
| Alta de abonado | Nome e apelidos, idade, teléfono, correo electrónico, modalidade de abono e, se o indicas, o teu número de socio da tempada anterior. | Tramitar a túa alta como abonado, emitir o carné, avisarte de onde e cando recollelo e levar o rexistro de socios do club. | Execución da relación de abonado que solicitas (art. 6.1.b RGPD). |
| Pedido na tenda | Nome e apelidos, teléfono, correo electrónico, produto, talla e, se as pides, personalización de dorsal e nome. | Preparar o teu pedido, avisarte cando estea listo para recoller e atender calquera incidencia ou devolución. | Execución do contrato de compravenda (art. 6.1.b RGPD). |
| Pagos con tarxeta | Non recibimos nin gardamos os datos da túa tarxeta. Só a referencia da operación e o resultado do cobro. | Confirmar que o pago se completou e poder cruzalo co teu abono ou pedido. | Execución do contrato e obrigas contables e fiscais. |
| A Porra do Abóbriga | Nome completo, correo electrónico e foto de perfil (só o enderezo da imaxe) da túa conta de Google, os resultados que prognosticas, cando os pos, cando aceptaches as bases, a data e hora de cada vez que entras na porra (gárdanse 90 días) e, se o club o comprobou, que es abonado. | Xestionar a túa participación, calcular os puntos, amosar o ranking aos demais participantes —co teu nome completo e a túa foto de perfil— e o teu perfil de xogo (os teus pronósticos de partidos xa pechados e as súas estatísticas), e entregar os premios, comprobando co rexistro de socios que quen os recibe é abonado. Tamén amosar unha insignia aos abonados que o club verificou e moderar nomes ou fotos inapropiados, e avisarte por correo a mañá do último día se che falta un prognóstico. O correo non se publica nunca. | Execución das bases da porra que aceptas ao entrar (art. 6.1.b RXPD). A que se amose a túa foto podes oporte en calquera momento (art. 21 RXPD) co interruptor do teu perfil na porra, e deixa de verse ao instante. Os recordatorios por correo baséanse no interese lexítimo do club en que non perdas o prazo (art. 6.1.f RXPD): podes darte de baixa cando queiras co enlace de cada correo ou co interruptor do teu perfil. |
Todos os campos marcados como obrigatorios fan falta para poder atenderte: sen eles non podemos emitir o carné nin entregar o pedido. Os campos opcionais podes deixalos en branco sen consecuencia ningunha.
03Canto tempo os gardamos
Os datos de abonado consérvanse mentres dure a túa condición de socio e, despois, o tempo necesario para atender posibles reclamacións. Os datos de pedidos consérvanse mentres vixore a garantía legal do produto. Os da porra, ata que borres a túa conta —podes facelo ti mesmo desde a porra, ao instante— ou, como moito, tres meses despois de rematar a tempada e entregar os premios. A copia reducida da foto de perfil que serve a web desaparece da súa memoria caché como moito 30 días despois.
Rematados eses prazos, os datos bloquéanse e só se manteñen a disposición da Administración durante os anos que esixe a normativa contable e fiscal —5 anos con carácter xeral— antes de eliminalos definitivamente.
04Con quen se comparten
Non vendemos nin cedemos os teus datos a ninguén con fins comerciais. Para funcionar, o club apóiase nestes provedores, que tratan os datos por conta nosa e seguindo as nosas instrucións:
| Provedor | Para que | Onde |
|---|---|---|
| Stripe Payments Europe, Ltd. | Procesar os pagos con tarxeta. Os datos da tarxeta introdúcense na súa páxina, non na nosa. | Irlanda (UE), con transferencias aos EUA amparadas en cláusulas contractuais tipo. |
| Google Ireland Ltd. | Recibir e almacenar as respostas dos formularios de abonados e pedidos. | UE, con transferencias aos EUA amparadas no Marco de Privacidade de Datos UE-EUA. |
| Vercel Inc. | Aloxar a web, medir de forma anónima as visitas e o rendemento, e servir reducidas as fotos de perfil da porra. | EUA, con cláusulas contractuais tipo. |
| Supabase Inc. | Gardar os datos da porra e xestionar o inicio de sesión. | Servidores na rexión elixida polo club, con cláusulas contractuais tipo para calquera acceso desde os EUA. |
| Resend Inc. | Enviar os recordatorios da porra por correo. Só recibe o teu nome, o teu correo e o contido do aviso. | Envío desde a UE (Irlanda), con cláusulas contractuais tipo para calquera acceso desde os EUA. |
| Google Ireland Ltd. | Identificarte cando entras na porra coa túa conta de Google. Só nos dá o teu nome, o teu correo e a túa foto de perfil. Da foto gardamos só o seu enderezo: a imaxe descárgaa e sérvea a nosa web, así que nin o teu navegador nin o dos demais participantes se conectan a Google para vela. | UE, con transferencias aos EUA amparadas no Marco de Privacidade de Datos UE-EUA. |
Ademais, poden comunicarse datos ás administracións públicas, á Federación Galega de Fútbol ou aos tribunais cando unha norma o esixa.
05Menores de 14 anos
Un menor de 14 anos non pode darse de alta por si mesmo (art. 7 da LOPDGDD). Se a idade indicada está por debaixo dese límite, o formulario avisa de que ten que rellenalo o pai, a nai ou o titor/a legal, cos seus propios datos de contacto.
Non recollemos ningún dato adicional sobre esa persoa: os datos de contacto que quedan rexistrados son os seus, e é con ela con quen tratamos.
Se detectamos que se deu de alta un menor sen esa autorización, eliminamos os datos. Se cres que ocorreu, avísanos en contacto@abobriga.com e resolvémolo.
06Os teus dereitos
Podes exercer en calquera momento e de balde os seguintes dereitos:
- Acceso: saber que datos temos sobre ti.
- Rectificación: corrixir os que estean mal ou incompletos.
- Supresión: pedir que os borremos cando xa non sexan necesarios.
- Oposición e limitación: pedir que deixemos de tratalos ou que só os conservemos para reclamacións.
- Portabilidade: recibir os teus datos nun formato que poidas levar a outro sitio.
Para exercelos, escribe a contacto@abobriga.com indicando cal deles queres exercer e achegando copia dun documento que acredite a túa identidade. Respondemos como moito nun mes.
Se cres que non tratamos os teus datos correctamente, podes reclamar ante a Axencia Española de Protección de Datos (aepd.es, C/ Jorge Juan 6, 28001 Madrid). Agradeceriámosche que nolo dixeses antes a nós: case sempre é un malentendido que se arranxa nun correo.
07Seguridade
A web serve todo o tráfico cifrado (HTTPS) e os datos dos formularios viaxan cifrados ata os nosos provedores. O acceso ás respostas está limitado ás persoas do club que precisan velas para xestionar abonos e pedidos.
Ningún sistema é infalible. Se algunha vez houbese unha quebra de seguridade que afectase aos teus datos, comunicarémolo a quen corresponda e a ti nos prazos que marca o RGPD.
08Cambios nesta política
Se cambia a forma en que tratamos os datos, actualizaremos esta páxina e a data de revisión que figura ao pé. Recoméndase consultala antes de enviar calquera formulario.
Última actualización: 2026-10-24
